Libros si, bombas non

«Todas as guerras son guerras entre ladróns demasiado covardes para loitar,
que inducen a mozos de todo o mundo para facer a loita por eles»
Emma Goldman

«Durante tres anos e medio esquivei a guerra tanto como puiden. (…) Usei tódolos procedementos posibles para que non me pegasen un tiro nin pegalo eu, non utilicei os peores medios. Pero teríaos usado: faría calquera cousa, sen excepción, se me forzasen a algo así»
Kurt Tucholsky

A guerra atravésanos e determina o noso presente. A invasión rusa de Ucraína, e a guerra civilizadora «occidental» que se desatou como resposta, fixeron máis forte o capitalismo e provocaron unha crise do progreso social a nivel planetario. Unha ameaza letal está a cernar os dereitos humanos, as conquistas sociais e os ecosistemas nos cinco continentes.

O noso goberno fala de paz, pero non deixa de alimentar a escalada bélica e a militarización da economía. Trátase dunha guerra que só beneficia a grandes corporacións, fondos de investimento e conglomerados bancarios, empresas enerxéticas e fabricantes de armamento, que conseguen beneficios nunca vistos na historia. Ganancias que se incrementan conforme a guerra se prolonga.

Baixade as armas, subide os salarios!

Porque a guerra lucrativa demanda máis sacrificios en prexuízo das pensións, da educación, da sanidade públicas e mesmo dos salarios.

A guerra dispara os prezos da cesta da compra e da enerxía, sobe hipotecas e alugueiros, provoca máis desafiuzamentos… A guerra empobrece, alonga e aumenta o uso de combustibles fósiles, en especial gas, que só serven para agudizar a crise climática que mantén en xaque á humanidade. O discurso de mandar armas a Ucraína e de gañar a guerra por medio dunha vitoria imposible, desprezando medidas de diálogo e negociación e a quen as defende, prioriza o enriquecemento criminal dunha minoría e xoga co destino e a supervivencia da poboación ucraína. De cada dez euros que vai investir o Reino de España no 2023, tres serán para pistolas, tanques, bombas e cazas de combate

O réxime de guerra avanza…

A actualidade réxese pola conversión da economía global ás industrias de guerra, na industria armamentística, nas guerras comerciais polos microprocesadores e por minerais e terras raras. Ao mesmo tempo, os Estados occidentais introduciron a disxuntiva amigo-inimigo no goberno das disputas e as protestas sociais, mergullándonos na retórica da violencia ata a vitoria final. Guíanse pola fascinación de facer mal, por destruír e derrotar, acompáñalles a exhibición incesante de maquinaria da morte, a golpe de noticiario; a propaganda dos partes de batalla, e o autoritarismo para acalar as voces críticas. O alcouve do fascismo, a negación da cultura mesma

… Pero negámonos a colaborar coa inxustiza

Porque queremos transformar a nosa impotencia en acción, ser parte responsable dun troco cultural que contribúa á eliminar as causas que provocan as guerras: a pesar da censura que silencia calquera oposición e procura invisibilizar, cando non criminalizar, o pensamento insumiso. Sentimos que o noso deber ético e cultural é facilitar a fuga para desaprender a guerra e defender o dereito á crítica e a disidencia e a unha información independente. Comprometémonos a compartir actividades e difundir todos aqueles libros que poden axudar a desmilitarizar o noso pensamento, para animarnos a combater o camiño cara á atrocidade.

Non á guerra!

Non queremos malvivir entre trincheiras, nin apoiar o patriotismo nacional ou o supremacismo imperialista dun bando ou doutro, nin ser cómplices da súa carnicería e a súa devastación. Acubillamos nas nosas librerías séculos de páxinas escritas contra a guerra. Non nos amedrenta o cheiro das vellas fogueiras dos matachíns: queremos ser abeiro e berro de coñecemento, de diálogo, cooperación e apoio mutuo polo progreso e a supervivencia do xénero humano e do planeta. Saíde das nosas vidas. Deixádenos vivir con xustiza social, en paz e liberdade.

  • Chamamos a apoiar á deserción e a obxección de conciencia en Ucraína, Rusia e Bielorrusia, e a participar nos movementos de resistencia á guerra a través da campaña #ObjectWarCampaign https://you.wemove.eu/campaigns/rusiabielorrusia-ucrania-proteccion-y-asilo-para-desertores-y-objetores-de-conciencia-alservicio-militar
  • Esiximos o cesamento do envío de armas. E que o gasto militar español asignado ao conflito se dirixa a organizacións independentes que traballan sobre o terreo, con vítimas desta ou doutras guerras.
  • Demandamos que se potencien políticas europeas de negociación, conciliación e convivencia entre as poboacións enfrontadas, e que o gasto militar europeo se destine á reconstrución de Ucraína sen custo para a sociedade ucraína nin negocio para as multinacionais occidentais.
Scroll ao inicio